Saturday 18 de May de 2024

Dezasete transportistas e condutoras profesionais de Ribeira foron homenaxeadas con motivo do Día Internacional da Muller


 

Un total de dezasete condutoras profesionais e transportistas do municipio de Ribeira foron homenaxeadas este mediodía no salón de plenos do consistorio dentro dos actos conmemorativos do Día Internacional da Muller, que se celebra mañá. A sesión sabatina completouse ademais con outros exitosos actos, tales como un función contacontos, unha exhibición deportiva e unha lectura poética.

Nun recinto cheo de xente, as dezasete mulleres recibiron para a ocasión un diploma conmemorativo e un obsequio consistente nunha escultura en forma de simbólico lazo violeta. Foi este un acto moi emotivo no que mesmo dúas das homenaxeadas tomaron a palabra para contar a súa historia: Beatriz Beiro Pérez (pioneira en Ribeira ao lograr no ano 1987 o título de transportista de mercadorías tras superar un exame moi difícil: “entre homes sempre fun respetada”, dixo) e Paula Moreiras Blanco (camioneira internacional que mesmo cando foi nai obtivo a pertinente homologación do seu vehículo para poder levar consigo ao seu fillo xunto co seu marido: “fue muy difícil pero lo volvería a hacer 40.000 veces”).

As outras quince mulleres son: Ana Outeiral Castro, Beatriz Gude Boo, Clara María Agrafojo Paz, Carolina Campaña Novo, Estefanía Martínez Filgueira, Josefa Millares Caamaño, Manola Rivas Vidal, María Isabel Abalo Regueira, María José Domínguez Pena, María Josefa Rodríguez Ageitos, María Manuela Tuset Ferrín, Patricia Laiño Silva, Raquel Rodríguez Araujo, Rocío García García e Sonia Castro Martínez.

O evento rematou cunha foto de familia na que tamén estiveron o alcalde Manuel Ruiz, a concelleira de Igualdade Ana Ruiz e outros membros da Corporación. Acto seguido, na praza do Concello tivo lugar por cortesía da Escola de Boxeo El Canario e El Barrio Cross&Fight unha exhibición de deporte inclusivo con tres modalidades tradicionalmente ligadas a homes: boxeo, crossfit e kick boxing. Entrementres, no Centro Cultural Lustres Rivas se desenvolveu a función contacontos musicado titulada “Lúa triangular. Nada é imposible!”.

A animada xornada concluíu cunha lectura de versos de Rosalía de Castro na praza do Concello á que se animaron moitos admiradores da obra da poetisa.

Violetas
O programa de actos polo Día da Muller organizados polo Concello de Ribeira rematará mañá 8 de marzo cunha actividade de animación de rúa titulada Violetas. Terá lugar de 11.30 a 14.30 horas no paseo do Malecón, a praza da Porta do Sol e o parque García Bayón.